martes, 06 de marzo de 2007
DONA DOS CÁRPATOS

Ilustre é o teu nome, Erzébeth Báthory
prenda de Hungría.
Louvor e honra nos brasóns familiares.
Señores da guerra, terror dos turcos
señores da terra, azoute das aldeas.
Dun castelo a outro,
do val á montaña, cabalgas dominios.
Grande é o teu poder
muller
e só podes gobernar na servidume.


Ociosa, esperas a chegada do conde das batallas.
Recorres sen sombra estancias frías
mobles pesados como mortos corpulentos.
Candelabros férreos iluminan a túa vanidade
que demanda outros lustres.
As chemineas mal quentan os cuartos rudos
polos que escorrega a babosa néboa da montaña.
Nodrizas, servidoras, costureiras non dan feito.
Mergúllaste no tedio.
As ordes domésticas non che compracen.
Só a admiración da túa beleza compensa a apatía.
Un bosque de espellos na túa alcoba para deliciarte.
Lagoas e máis lagoas revelan unha narcisa insatisfeita.
Mudas e remudas de atuendo nas odiosas tardes.
Lúas fatigadas reverberan
sedas orientais, tecidos venecianos, pedras preciosas
granates maxiares, ámbar do Báltico, turquesas, rubís,
o ardor dos teus ollos, azabaches sobre o rostro níveo
e o manto negro dos cabelos rodeando o albor.
O teu feitío asombra espellos e súbditos.
Desacougante beleza.
Corvo sombrío, Erzébet Bathory, produces pavor.
Baixo os candelabros das estancias frías e madeiras negras
apenas enxergas gatos lúgubres.

Miraxe tanta beleza inútil.
Chega o señor triunfante do combate.
Visita fugaz.
Non se dá farto de guerra.
Brasóns brunidos con sangue realzan os teus apelidos.
Matar pola gloria, gran poder viril.
E ti, muller, tan pasiva
e tediosa.


Festas e monterías en honor do conde
que demanda cadáveres.
Na caza de uros, corzas, osos, cervos,
recibes con pracer o teu quiñón cruento.
Aspiras o erotismo do fedor sanguinolento
e do coiro guerreiro que trae o marido da campaña
que os perfumes de Transilvania
no teu leito
non conseguen ocultar.
O aroma do sangue fai palidecer de lascivia o teu rostro.
Nas cacerías descobres a paixón primixenia.
Nos banquetes trabas na carne morta cobizándoa viva.
Parte o conde tras do seu feroz oficio
e renáceche o tedio.


Nas esgrevias penedías frecuentadas por lobos
nas covas dos vampiros
a bruxa ule o teu fastío
e segue o seu rastro até o castelo.
Trae a meiguería enxendrada nos bosques
alimentada pola furia feudal, o vento das conxuras
e a fame.
Da súa man chegan os feitizos da belladona e a mandrágora,
os amuletos, linguas de serpe,
pedras máxicas procedentes do lóstrego.
Sobes a montaña atraída polo encanto
das plantas con poder de eterna xuventude.
Alónxaste da humanidade
a cambio da permanente louzanía.
Baños, ungüentos, pócimas,
receitas da bruxa.
As lúas do teu cuarto marabillan o brancor da narcisa.


O conde parte cun amuleto cosido no xubón
un corno de unicornio macerado en herbas feiticeiras
cos conxuros das lumias e os encantos saturnais
dos vampiros enxendrados nos carballos.
¡Lévao sempre, señor, para espantar a morte!
¡Vivirás longos anos!
O amuleto fallou
mais ti segues fascinada pola maxia.


Na condesa viúva medra o noxo
no corpo de Isabel se ensaña o tempo.
Só o sangue novo conservará a beleza da señora.
Insidiosa bruxa
inicias a condesa nosferata no pracer do sangue,
na relixión que sempre volve,
paixón fanática, desexo universal, dor cega.
Negáronche, muller,
o sangue rebelde dos campos de batalla
o sangue inocente no altar eclesiástico.
Alimentas o ludibrio atroz en aposentos pétreos
creas o teu entorno sacrificial.
Fas correr a vida virxe sobre ti
sangue enchente de vigor e de xúbilo
sangue para alcanzar a gloria
e a redención.


O encanto das mozas lanzais encasteladas,
non te seduce, ególatra condesa.
Non amas a beleza, ámaste.
As ansias de vida mudaron a desexos de morte.
A beleza dos centos de virxes torturadas
nunca é comparable á túa.
O fulgor dos ollos tenros convulsos pola dor
compete co furor negro da tua ollada gozosa
nos eróticos suplicios.
Dos pezóns perforados abrolla vizo.
O frenesí brada na túa gorxa ávida
de rabia e triunfo
acalando os alaridos das mozas flaxeladas.
Non es unha torturadora sentimental.
En Auschwich sádicos exquisitos escoitarían a Bach
contemplando o fume sinistro das cámaras de gas.
O teu poder esencial non precisa refinamentos.
Herdaches a ferocidade das lobas famentas dos Cárpatos
voraces intrépidas
rabuñadas nas toxeiras por atrapar a presa.
¡Tremede ante a cólera da loba do castelo!
¡Nodriza, lévalle á señora unha moza ao leito!
Necesita morder carne feminina para pasar o trance.

Comezas a liturxia convulsa
ignorando que farás historia.
Envías raposas polos camiños e aldeas maxiares.
As mozas máis altas e esbeltas de Hungría
son raptadas para sevirte.
¡Fuxide belidas das lurpias seductoras!
Os regalos son trampas mortais.
Saias festeiras, camisas de encaixe para corpos
espidos, torturados, nas mazmorras.
¡Voade garzas airosas!
Xa dispoñen os instrumentos de tortura
agullas, punzóns, tenaces, látigos
que farán brotar o voso sangue lustral.
¡Oh beleza atrapada!
Ninguén chorará por vós.
A humanidade non traspasa os muros do castelo.


Isabel adúbase para asistir ao flaxelo virxinal.
¡Viste de branco para verquer o sangue!
¡Viste coa alba do rito sacerdotal!
¡Viste de noiva para o sangue nupcial!
Cor da pureza para as profanacións.
Perlas venecianas entre os teus negros cabelos
albos volantes orlan as vigorosas mans
co látigo implacábel
estalando o sangue sobre os muros
como alaridos pétreos
envisgando o teu branco e brillante atuendo.
¡Doncelas vestide novamente á condesa!
Queres proseguir o rito inmaculada,
separada da humanidade.



Só mulleres entran na cámara do tormento.
¿Por que te ensañas coa feminidade?
¿El non podería o sangue viril volverche o celme?
Incríbel pensamento.
O poder masculino disuade da agresión.
A violencia cébase na debilidade.
O sadismo leva sempre a mesma rota.
Medea tampouco ousou dirixir acima o odio
e vengouse na cándida impotencia.
A túa crueldade, Ersébeth Báthory,
non chegou a alzarse sobre a túa condición.
O sangue de guerreiro rebelde non te celebrou.
Asañáschete na agonía do propio,
das mozas plebeias que che pertencían como a terra
como as prantas e os cultivos
como as cervas que cazabas e os porcos que comías
como o traballo labrego e o suor servil.

Nunca aceptaches a condea.
Recluída até a morte, aillada do mundo,
os remorsos non che rondan a conciencia.
A compaixón non era unha virtude nobre.
Sentes o mando como algo esencial, e úsalo.
Non tiras a vida, tomas o que che pertence.
Tes poder como tes un nome, condesa Báthory.
A nobreza familiar salvoute da fogueira.
Encerrada de por vida sen portas nin fiestras,
nunca comprendeches por que os teus sacrificios
non eran sagrados como os demais.

Vermello é o teu rastro dona dos Cárpatos!



Vocabulario


Escorregar: resbalar
enchente: llena
Mergullar: sumergir
ollada: mirada
Feitío: aspecto
abrolla: brota
Desacougante: inquietante
vizo: vigor
Enxergar: vislumbrar
bradar: gritar
Miraxe: espejismo
gorxa: garganta
Farto: harto
rabuñar: arañar
Hedor: hedor
tremer: temblar
Cobizar: ansiar, desear
lurpias: voraces, perjudiciales
Penedías: lugar de peñas
espidas: desnudas
Ule: huele
adubar. arreglar
Fastío: aburrimiento
envisgar: manchar con algo pegajoso
Meiguería: brujería
asañarse: encarnizarse
Feitizos: hechizos
vermello: rojo
Lóstrego: relámpago
Alonxar: alejar
Carballo: roble
Viúva: viúda
Noxo: asco, hastío
Publicado por gala2 @ 7:43  | POEMAS
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios